Fuentes Carrionas. Subindo ao parque natural e dende o seu miradoiro superior.
Santa Eufemia de Cozuelos
Santa Eufemia de Cozuelos
Vallespinoso de Aguilar
Campos de Burgos
Covarrubias
Santa Eufemia de Cozuelos
Subindo a Lois (León)
Lois
Lois
Villaespinoso de Aguilar
Estou seguro de que reverdecerá todo. Onte foron os campos e altiplanos palentinos, campos peiteados por tractores que deambulan entre o horizonte e nós. Campos vermellos que esperan anceiantes un novo cereal, nova vida: que virá. Xente amable, como se fosemos os únicos viaxeiros do mundo e eles se alegrasen de coñecerte. O norte de Palencia está salpicado de igrexas e mosteiros románicos inapelables. No medio dun bosque de carballos, nos que vimos fuxir de nós cervos sabedores de que podemos levar as armas cargadas, o mosteiro de Santa Eufemia de Cozuelos recíbenos cun paseo de álamos libres memorable. Alí, completamente sós, atopamos o noso segundo hobbit (o primeiro foi na igrexa mozárabe de santa María de Lebeña), un ser rupestre comedor de cogumelos, rechoncho, extremadamente amable, co falar único do que mestura o que vive, o que sabe, o que lle gusta, o que debe contar: sen solución de continuidade. No anceio de ver, chegamos mesmo a apalpar de noite a ermida do Barrio de Santa María, xusto despois de ver anoitecer subidos ao penedo imposible sobre o que se ergue a igrexa de Vallespinoso de Aguilar. Sempre sós, sempre con aguias ou abutres sobre as nosas testas, coidándonos. Sei que abroiará todo do novo: os carballos non perden a folla por completo nesta época do ano, como se quixeran aportar á paisaxe os tons marróns e ocres necesarios para dar vida aos prados. As faias fan o sacrificio de desprenderse de todas elas porque a súa función é alfombrar as abas dos montes con esa néboa grisácea coroada da leve pátina maxenta dos seus brotes. Eles prometen repintar, nuns poucos meses, de novas córes a vida dos vales altos. Todo reverdecerá, estou seguro.