Mostrando las entradas con la etiqueta trece de setembro. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta trece de setembro. Mostrar todas las entradas

13/9/26

Cincoenta e nove

Entre aramios pasaxeiros, amosa a vinca o resplandor dos seus dedos, allea ao metal que inútil tenta pecharlle o paso á luz da súa corola, descarada e bella.



Entre nubes ventureiras que ninguén convocou, abre as pálpebras brillantes a lúa, apartando silandeira todo obstáculo que impida que a súa luz branca e bella riele e baile nas ondas suaves dos mares calmos que somos.

Elas, que agardan todo o ano por ti para abroiaren, tempo de setembreiras, agochadas, esperando para adornarte hoxe renacendo entre as herbas ventureiras dos teus prados. Sempre voltan a ti.

Enredado na túa ollada, cando a galerna, percuro o camiño da vinca, o rielar da lúa, a chamada anual das setembreiras, as luces da vida que nos unen.




13/9/24

Cincoenta e sete




Teño de novo nas mans as vellas cámaras de antano. Recupero co seu tacto a mirada dun onte tan próximo como as miñas pálpebras ao cálido visor da Pentax. O arrecendo a saudade dos negativos: química, maxia,  tempo: un veo que filtra os agora cargándo de onte. O tempo condénsase entón nun presente amado, en momentos un tras doutro gravados, en fotogramas que relatan a historia nosa. Non hai foto fixa, só transcurso.

[Cincoenta e sete: anoto: 57: aí nacín...]. 

Aparellos, trebellos, escáneres, obxectivos, carretes Ilford, córes Kodak, memorias dixitais... traen á esta mesa -sempre remexida de min mesmo-, coa naturalidade do discorrer cotián, as nosas miradas á cámara  en fotos revividas. Sen sorpresa atopo nelas o lugar íntimo que consitúe a materia, os alicerces, do que agora somos, do que seremos. Esas imaxes avanzan ata nós con palabras mil veces compartidas que forman o ti, o eu, construídos nese imposible que derrotamos cada día para celebrarnos xuntos. 

Vexo nesas fotos, coma hoxe, o mar nos teus ollos batendo lene nos meus (la mer, la mer, toujours recommencée) como cando [o recordo non é tal, senon a constación de que existimos nas encrucilladas da maxia dos encontros doces do cotián] navegabamos en certezas e incertidumes, ás veces coas velas despregadas ao bris das nosas ansias, ás veces rizando o velame para capear as galernas que nos axexan. 

Ollando aquelas fotos, sei que somos radicalmente, sen máis fisuras que as que o tempo marca na nosa pel, os que onte fumos, os que mañán seremos.

[O bris de setembro entra agora pola miña ventá e sorrío enchéndome de ti]




13/9/23

Cincoenta e seis

Os deuses aprenderon a cantar ás aves só para que ti poideses habitar, ao escoitar a súa feliz banda sonora, xardíns eternos de buxos e palmeiras, de prados sen fin de margaridas, flores de maceiras e espiños brancos, carballos novos, soutos antigos, fontes e regatos de augas puras onde naden en flor os nenúfares, corredores de vides para o teu camiñar pausado...  o teu espazo feliz atravesado fugazmente polo trino do merlo co loureiro no bico atarefado (“ando co niño, vou con présa, ola, ola... logo veño”), o ulular das rolas agochadas nos seus amoríos naquela ponla (“quérote... quéresme?, quérote... quéresme?, quérote... quéresme?”), a cadencia fonda constante do moucho pequeno, todo ollos de neno observando marabillado o universo que anoitece, o vivo parolar dun paporrubio confiado dando choutos pequenos aos teus pés bailando ao compás dos teus desexos e, ao teu lado, a bandada de pardais namorados aquelándose antes do concerto que preparan para ti cada día. 

Os deuses aprenderon a cantar ás aves só para que constrúas, ao escoitar os seus cantos libres, o territorio máis bello no que habitar en paz co mundo.












































13/9/22

Cincoenta e cinco

 



Cando as chuvias prometen solos fecundos e escriben na nosa pel escura as palabras do verán fuxindo, a flor da merendeira abre o outono noso de violeta, laranxa e esperanza, asómanse ao mundo as setembreiras, corta a respiración o vó dos virapedras coas lembranzas do Norte no peteiro, déitanse   paseniño nas pradeiras e nos ríos os ocres de freixos, pradairos, carballos e amieiros. E naces ti, setembro nace, renace a vida tinguida de calmas e trebóns do outono que comeza.

Setembro é esa promesa que rebrota e volta cada ano ás nosas mans xuntas.

13/9/21

Cincoenta e cuatro

Nos mares aos que sempre voltas, nos que nadas na percura dese illote no que fixar a calma para observar a distancia precisa e suave que o separa do presente: unhas brazadas decididas,

Nese lugar mírote con silencio suave e cómplice e amo contigo tódalas miradas e palabras que atesoura, os choutos de nena, os agarimos e as tenruras, as trasnadas, a froita roubada, os berros felices de vida que quero que escoitemos xuntos cando os ruidos do mundo nos axoulen.

Ata ese lugar calmo e a salvo os dous, nado tamén eu, sen fin e sen fatiga, para sentármonos xuntos para sempre a contemplar e vivir a vida co sorriso da infancia feliz recuperada. Contigo.



13/9/20

Cincoenta e tres


Achégaste de tempo e salitre, de solpores, calmas e galernas sempre compartidas. Son quen de encadrarte na beleza, de medir a luz precisa que te ilumine, de sentir o momento. Constrúo, como quen compón unha imaxe, un horizonte teu e, para sempre, noso.


Ti constrúes nas íntimas saudades horizontes compartidos, infancias comúns, sorrisos adolescentes, berros de verán, enseadas familiares, tempos tecidos que ocupo en silencio, como quen quere estar e non molestar. Resultará incríble: eu xa estaba contigo nese peirao cando as mazás das hortas de Arcade eran un proxecto de froita roubada tras un baño memorable de nenos felices.

13/9/18

Cincoenta e un


Gabiáns tecidos de palabras e acenos, amarrados con tenrura e firmeza aos aramios do tempo noso, fíos de equilibros entrelazados cos que se atan as promesas de acios, uva, viño, sede saciada, vida. Trazos que se urdimbran nun alfabeto atesourado por nós: elaeu, elaeu, elaeu. Dedos que abrazan dedos, savia que flúe man con man, olladas que relatan historias comúns, iris do que eu son xa reflexo, no que me aprendes a gañarmos no fermoso xogo do imposible. Estancias túas nas que se articulan as nosas palabras para gavear ávidas, acadar a luz e explorar sosegadas o silencio sereno sobre as vides maduras, alfombras vermellas de sol deitado e doce.

Setembro de mareas vivas e vendimas, cada ano recomenzadas e plenas. O teu setembro, o meu: gaviáns tecidos con palabras doces e silencios, mareas vivas, colleitas, viño primixenio, sede saciada, vida.

Zarcillos tejidos de palabras y gestos, amarrados con ternura y firmeza a los alambres del tiempo nuestro, hilos de equilibrios entrelazados con los que se atan las promesas de racimos, uva, vino, sed saciada, vida.
Trazos que se urdimbran en un alfabeto atesorado por nosotros: ellayo, ellayo, ellayo. Dedos que abrazan dedos, savia que fluye mano con mano, miradas que relatan historias comunes, iris del que yo soy ya reflejo, en el que me enseñas a ganar en el hermoso juego de lo imposible. Estancias tuyas en las que se articulan nuestras palabras para trepar ávidas, alcanzar la luz y explorar sosegadas el silencio sereno sobre las viñas maduras, alfombras rojas del sol acostado y dulce.

Septiembre de mareas vivas y vendimias, cada año recomenzadas y plenas. Tu septiembre, el mío: zarcillos tejidos de palabras dulces y silencios, mareas vivas, cosechas, vino primigenio, sed saciada, vida.