10/12/16

Outonear

 


Fotografío as follas que golpean a miña retina, ocres, amarelas, maxentas, vermellas,  neste outono que, prolongado, dá á natureza o tempo necesario para incluir nas árbores unha extendida paleta de córes. Fago as fotos coa conciencia da metáfora que, ao igoal cás follas que caen, peneira sobre a nosa conciencia nese calendario doce e cruel que se nos impón co paso das estacións polas nosas vidas.
A beleza cóbrase, coa evidencia do paso do tempo que traduce, o gozo que provoca a contemplación. É un tributo á fuxida dos meses que se acumula na superficie das follas; tintes na voz do verán que fuxíu, que apagan os salgados pálpitos de Lagoelas, os brancos da canícula nas areas rendidas baixo o pracer do meu corpo: brancos estivais fronte a ocres; mineralidade alba das areas graníticas fronte á organicidade en descomposición. Pracer de vivir fronte a memento mori... ou é o mesmo?

Arces, Ginkgos, Tulipeiros, Choupos, Alciprestes dos pantanos, Álamos e Bidos dos xardíns do Náutico... deitan postmorten sobre a herba sempervirens as probas ineludibles deste outono felizmente sen segadores, sen xardiñeiros, sen barrendeiros, sen burócratas que asesinen falsamente pulcros a súa beleza caduca. Follas aserradas, lisas, lobuladas, simples, compostas, acículas, nervacións, pecíolos vermellos, limbos brancos que reservan a sorpresa cromática dun dorso de sangue ou solpor... caen sen orde aparente para formar un lenzo anónimo e precioso aos nosos pés. Se sentamos un tempo as nosas ansias, poderemos velas voar (zig-zag, reviravolta, música, levidade, destino) dende a ponla desagradecida ata un chan acolledor: ese precioso baile final.




Traballar as cores coa Pentax K1 --armada cun vello obxectivo fabricado na antiga DDR: un Carl Zeiss Jena 135mm F3,5, construído polas mans proletarias daquel soño que non foi-- transfórmase noutro pracer engadido. Baixar a toma a rentes do chan, usando a vista en vivo e a pantalla LCD abatible e basculante, permite un punto de vista que mete no encadre, difuminándoo, o manto colorido. Cada vez valoro máis esta versatilidade da pantalla que posibilita encadres imposibles sen romperse as costas no intento.

Para acadar este efecto pictórico e aproveitar ao máximo as posibilidades de tanto colorido, o diafragma debe situarse á máxima apertura (non é un obxectivo moi rápido: un f3,5) para graduar o desenfoque e acadar ese bokeh suave que producen os CZJena. Elixir a liña que irá a foco (este obxectivo descoñece os automatismos das lentes actuais e ten un longuísimo percorrido manual do seu xeneroso aro de enfoque), figura e fondo, non é difícil, pois as formas e córes de cada folla fan que calquera delas poida ostentar ese protagonismo que dá aos obxectos e ás persoas seren enfocados na escena.

No revelado dixital do arquivo RAW orixinal, non foi necesario reencadrar: os bordos do encadre, conformados pola saturación espacial que dá esa variedade de formas e córes, non precisan de modificación ningunha, ás veces necesaria por mor da aparición deses elementos que se colan no momento da toma por falta de atención ou imperativos da focal, da perspectiva ou das circunstancias concretas que impiden pechar a foto no disparo.

O resto do revelado, o habitual cando seleccionamos como arquivo o negativo dixital en lugar do comprimido JPG: axustar niveis, contraste e lixeira máscara de enfoque, imprecindible neste fluxo de traballo fotográfico.

Na foto en branco e negro quixen traducir as cores a escadas de grises, contrastes sobre un ceo azul que, no virado, transfórmase nun fondo apropiado ás formas das árbores espíndose. Vin como unha das árbores xa perdera por completo a folla e utiliceina de contrapunto ao tulipeiro de Virxinia que aínda as conserva (a farola, núa na súa inorganicidade, tamén se introduce para contapuntear). Esperei para que unha folla caíndo completara a escena; momento decisivo, só como unha nota a pé de páxina, baixo as ponlas no tercio inferior da imaxe.

Usei para o virado a b/n o excelente programa Silver Efex Pro, que prové útiles ferramentas para un control manual do proceso.



No hay comentarios.: