15/10/16

A morte saiu à rua (Porto outono 2016)

Nese Porto negro de barrancos cara ao río, nese Porto de xentes sinxelas da Ribeira, de supervivencias no barrio da Sé, de fachadas inmensas renascidas de cór e esqueletes monumentais cruzando o Douro; nese Porto de viños doces que esbaran pola Gaia dende Foz de Côa mollándonos os beizos da xesta humana de sucalcos arrincados a man dos outeiros; nese Porto que arrastra as palabras de fados polas rúas de lastros sen memoria, de saudades dos ouros líquidos das frontes das súas xentes traballadoras.

Nese Porto revisitado dende este Vigo sen futuro, a morte saiu à rua, ameazando con convertilo nun grande parque temático para turistas que nunca saberán que un día alí houbo outra vida de ferreterías e talhos, de ourives e xastres, de vendedores de peixe e mulleres tristeiras, de escuras historias e grandes fazañas cotiáns, de moradas vividas, de ducias de nenos tirándose dos peiraos, retando ás alturas de Luiz.

Porto morre do éxito da súa beleza transformada en mera mercaduría.
Alguén o viu, e neste outono advertiuno coa súa brocha negra nas paredes da Invicta.























[a cantiga de José Afonso A morte saiu à rua, foi adicada polo Zeca a José Dias Coelho, pintor portugués, comunista, asasinado pola PIDE en 1961]

No hay comentarios.: