13/9/16

49 cintas de mar


Cando Lagoelas gardou para os teus ollos os seus segredos
Movémonos, serpenteamos, bailamos quedos ao son da maré, das galernas, da calma das augas someras; cimbreamos entrelazados ou movemos arredados os dedos unidos fortes na base da rocha; somos moitos e somos sós, cambiamos coa cor do sol, das lúas e da salitre; somos augas mornas de Lagoelas rodeados de aletas e ollos vivaces, ou axitadas cintas resisitindo esa resaca que ameaza pero non vence.
Temos o poder do tempo pasado e do porvir Atlántico, Mediterráneos azuis e solpores metálicos de Aldán.
Vivimos na galerna dos días convencidos de que é o vento que zoa quen nos une na promesa do bris reconfortante dos nosos veráns con Lola ollándonos, irmá de amantes.
Ese mar que admiras mergullada nos silencios de peixes e algas reflexando a cor dos teus ollos,  verdesazuis, loiros, son eu, sempre esperando que no meu colo mollado sexas feliz.
Coma quixen que o foses tódolos veráns nos que permanece aquel primeiro de areas leves e cálidas de Areabrava, no que admiramos o milagre desexado de estarmos xuntos.
Coma nos vindeiros trece de setembro, esbarando polo reloxo de area que compón os nosos corpos no abalar das ondas de vivirmos.