13/9/20

Cincoenta e tres


Achégaste de tempo e salitre, de solpores, calmas e galernas sempre compartidas. Son quen de encadrarte na beleza, de medir a luz precisa que te ilumine, de sentir o momento. Constrúo, como quen compón unha imaxe, un horizonte teu e, para sempre, noso.


Ti constrúes nas íntimas saudades horizontes compartidos, infancias comúns, sorrisos adolescentes, berros de verán, enseadas familiares, tempos tecidos que ocupo en silencio, como quen quere estar e non molestar. Resultará incríble: eu xa estaba contigo nese peirao cando as mazás das hortas de Arcade eran un proxecto de froita roubada tras un baño memorable de nenos felices.