13/9/24

Cincoenta e sete




Teño de novo nas mans as vellas cámaras de antano. Recupero co seu tacto a mirada dun onte tan próximo como as miñas pálpebras ao cálido visor da Pentax. O arrecendo a saudade dos negativos: química, maxia,  tempo: un veo que filtra os agora cargándo de onte. O tempo condénsase entón nun presente amado, en momentos un tras doutro gravados, en fotogramas que relatan a historia nosa. Non hai foto fixa, só transcurso.

[Cincoenta e sete: anoto: 57: aí nacín...]. 

Aparellos, trebellos, escáneres, obxectivos, carretes Ilford, córes Kodak, memorias dixitais... traen á esta mesa -sempre remexida de min mesmo-, coa naturalidade do discorrer cotián, as nosas miradas á cámara  en fotos revividas. Sen sorpresa atopo nelas o lugar íntimo que consitúe a materia, os alicerces, do que agora somos, do que seremos. Esas imaxes avanzan ata nós con palabras mil veces compartidas que forman o ti, o eu, construídos nese imposible que derrotamos cada día para celebrarnos xuntos. 

Vexo nesas fotos, coma hoxe, o mar nos teus ollos batendo lene nos meus (la mer, la mer, toujours recommencée) como cando [o recordo non é tal, senon a constación de que existimos nas encrucilladas da maxia dos encontros doces do cotián] navegabamos en certezas e incertidumes, ás veces coas velas despregadas ao bris das nosas ansias, ás veces rizando o velame para capear as galernas que nos axexan. 

Ollando aquelas fotos, sei que somos radicalmente, sen máis fisuras que as que o tempo marca na nosa pel, os que onte fumos, os que mañán seremos.

[O bris de setembro entra agora pola miña ventá e sorrío enchéndome de ti]