1/9/25

O Museo de Historia da Cidade: Castrelos ou Verbum?

Castrelos ou Verbum?1

O Museo da Historia da Cidade debe estar onde a historia aínda se conserva e se pode sentir.

Autor: Rafael Ojea Pérez. Funcionario técnico superior de Cultura e Educación do Concello de Vigo, xubilado. Foi xefe do Servizo Municipal de Patrimonio Histórico (1991-2005), de Medio Ambiente (1991-1995), xefe do Servizo de Educación (2007-2012) e director da Escola Municipal de Artes e Oficios (2007-2022).

A decisión do Concello de Vigo de situar o futuro Museo de Historia da Cidade no edificio do Verbum, na praia de Samil, representa unha oportunidade perdida para artellar un proxecto museístico coherente co relato histórico, patrimonial e simbólico da cidade. A alternativa natural, lóxica e culturalmente máis xustificada é a ampliación do actual Museo Municipal Quiñones de León, situado no Pazo de Castrelos. Esa ampliación permitiría transformar o espazo nun gran Museo de Historia da Cidade, integrado nun contorno único que concentra elementos representativos de case todas as etapas da historia de Vigo, desde os petróglifos neolíticos ata a arquitectura funeraria contemporánea.

O futuro Museo de Historia non pode ser un artefacto descontextualizado nun edificio illado como o Verbum, senón que debe nacer e medrar no lugar onde a memoria da cidade xa se conserva, se exhibe e se vive. Castrelos é ese lugar.

O ámbito de Castrelos constitúe, posiblemente, o mellor exemplo dunha paisaxe cultural viva en Vigo. Nun radio de pouco máis dun quilómetro consérvanse elementos materiais de distintas épocas que permiten unha lectura cronolóxica continua da ocupación humana do territorio: desde o petróglifo da Laxe en Sárdoma —con representacións de armas e insculturas— ata o cemiterio monumental de Pereiró, con arquitectura funeraria do século XX.

Neste espazo atopamos dúas pontes medievais (Balaídos e Sárdoma), dúas igrexas barrocas con antecedentes medievais (Freixeiro e Sárdoma), unha igrexa románica (Santa María de Castrelos), varios cruceiros históricos, un auditorio ao aire libre, un petróglifo (A Laxe) , dous castros (Piricoto e Monte da Mina), pazos barrocos (Castrelos e A Pastora), un extraordinario conxunto de muíños de auga (A Viloura), o Museo etnografico Liste, o Cemiterio histórico de Pereiró... e, no centro de todo, o Museo Quiñones de León, o parque e o xardín histórico declarados Ben de Interese Cultural.

Este conxunto non é só un sumatorio de elementos illados, senón un tecido patrimonial coherente, con capacidade de ofrecer un percorrido inmersivo pola historia da cidade. É, de feito, o único espazo de Vigo onde o visitante pode experimentar fisicamente a superposición de épocas históricas nunha contorna de alta calidade paisaxística e ambiental, á beira dos ríos Lagares e Barxa e nas proximidades das parroquias periurbanas de Castrelos e Sárdoma, que conservan trazos do seu carácter rural.

Todo este patrimonio está, ademais, vinculado historicamente ao museo municipal, creado no propio Pazo e que desde hai décadas alberga coleccións de arqueoloxía, arte e historia local. Este museo non é alleo ao territorio: é o resultado dunha longa tradición de investigación, protección e divulgación da historia viguesa.

Por todo isto, Castrelos representa unha oportunidade única para artellar un gran espazo museístico urbano, integrador e coherente coa historia da cidade. Aquí non é preciso recrear unha narrativa histórica: abonda con poñela en valor, artellala e ampliala con visión estratéxica e respecto polo que xa existe.

A elección do edificio do Verbum, en Samil, como sede do futuro Museo de Historia da Cidade, resulta dificilmente xustificable desde calquera criterio museolóxico, urbanístico ou simbólico. Trátase dun contedor deseñado nos anos noventa como espazo cultural para actividades divulgativas arredor da linguaxe, que nunca logrou consolidarse como equipamento museístico relevante. A súa arquitectura pechada, afastada do centro urbano, e a súa localización nunha contorna eminentemente lúdica e de praia, converten esta elección nun acto que semella produto de certa improvisación máis que dun proxecto fundamentado.

O Verbum carece de relación histórica ou funcional co que se pretende transmitir. Non existe nas súas inmediacións ningún elemento patrimonial que poida dialogar co contido dun museo de historia. Ao contrario: o edificio está situado nunha franxa litoral artificializada, fondamente alterada por sucesivas intervencións urbanísticas que destruíron o sistema dunar orixinal e desnaturalizaron o piñeiral costeiro. É, pois, un exemplo de espazo desconectado da memoria histórica da cidade.

A aposta polo Verbum supón, ademais, unha ruptura coa tradición museística consolidada en Castrelos, onde se gardan as principais coleccións arqueolóxicas municipais e onde se desenvolveu, durante décadas, un traballo de investigación, catalogación e divulgación de altísimo nivel. Desprazar ese fondo ao Verbum non só implica unha deslocalización do contido, senón tamén unha perda de coherencia territorial e unha fragmentación do relato museístico.

Cómpre lembrar que o éxito dun museo non depende só da calidade dos seus fondos e exposicións permanentes e temporais, senón tamén do seu contorno, da súa capacidade para inserir o discurso histórico no espazo físico e simbólico da cidade. Un museo de historia precisa contexto. Precisa pegada, memoria, identidade. E nada diso se atopa en Samil.

A proposta do Verbum podería representar, así, unha oportunidade perdida para facer cidade a través da cultura e para reforzar a identidade viguesa desde a súa historia real, non desde un edificio sen alma nin vínculo co pasado colectivo.

Pola contra, a proposta alternativa que aquí se defende baséase na análise sosegada e racional das posibilidades do espazo e do valor engadido que achega a súa localización. O xardín do Pazo de Castrelos conta cun amplo sector de pradería, sen arborado, no extremo leste da finca histórica —antigas hortas do Pazo—, que presenta unhas condicións óptimas para a construción dun novo edificio semisoterrado.

A zona delimitada permite unha intervención arquitectónica respectuosa, con moi baixo impacto visual, ao manter a actual cuberta vexetal, que podería recuperar a función de pradería e integrar elementos de deseño contemporáneo con vocación simbólica e funcionais ás necesidades dun novo edificio baixo terra.

Ademais, a importante diferenza de cota co bosque colindante na actual zona de aparcamento e rotonda na entrada do Pazo, permitiría resolver accesos, áreas de servizo e equipamentos auxiliares sen afectar ao conxunto monumental nin ao xardín histórico protexido. Trátase dunha oportunidade clara para realizar unha ampliación harmónica, coherente coa tradición museística de Castrelos e capaz de acoller non só as coleccións arqueolóxicas, artísticas e etnográficas existentes, senón tamén novos espazos expositivos comprensivos do conxunto da historia e patrimonio cultural da cidade, zonas interactivas, arquivo documental, sala de actos, aula didáctica e servizos xerais.

Esta intervención permitiría artellar un museo contemporáneo, accesible e funcional, ao tempo que mantería a continuidade histórica e simbólica do museo orixinal. Dotaríase así á cidade dun equipamento cultural de primeira orde, perfectamente integrado nun ecosistema patrimonial único e conectado directamente co pasado que se pretende mostrar. O museo podería tamén establecer así vínculos físicos e temáticos coa igrexa románica próxima, co castro do Monte da Mina ou co auditorio de Castrelos, conformando un conxunto museístico de referencia a nivel galego. Mesmo podería ter unha sala externa para exposicións temporais na desacralizada igrexa barroca de San Tomé de Freixeiro e un espazo de excavación, investigación e divulgación arqueolóxica no moi próximo Castro do Monte da Mina, do que se coñecen estruturas e ten a virtualidade de ser un espazo semi-público sen uso, propiedade da Comunidade de Montes.

En definitiva, a proposta de ampliación representa unha oportunidade estratéxica para reforzar a identidade cultural de Vigo e para construír, con intelixencia e respecto, un gran museo arraigado no territorio que conta a historia no lugar onde a historia aconteceu.

As cidades constrúense tamén co que deciden lembrar. E Vigo, cidade moderna e viva, está hoxe ante a oportunidade de consolidar a súa identidade a través dun proxecto museístico integrador e dotado de sentido histórico. O traslado do futuro Museo de Historia ao Verbum é unha decisión que racha coa lóxica da memoria e ignora o valor acumulado durante décadas en Castrelos, tanto en termos de coleccións como de contorno, tradición e simbolismo.

Reforzar a posición de Castrelos como núcleo museístico e cultural non é mirar ao pasado con saudade, senón mirar ao futuro con intelixencia. Un Museo de Historia da Cidade non pode ser un artefacto illado nun espazo sen memoria, sen pegada e sen relación cos procesos históricos que se pretenden amosar. Pola contra, debe ser o corazón dun territorio que respira historia, que conserva as súas capas, que permite o paseo reflexivo e a vivencia integrada.

Esta proposta non é un rexeitamento do novo, senón unha aposta pola continuidade e pola sustentabilidade. A ampliación do Museo en Castrelos supón unha solución técnica viable, unha intervención paisaxística sensata e unha aposta cultural ambiciosa. Vigo debe dotarse dun museo á altura da súa historia, e ese museo só pode nacer, crecer e brillar nun lugar que conte esa historia dende o propio solo que a viviu.

Castrelos non é unha opción máis: é o lugar natural para o Museo de Historia da Cidade.

Vigo, setembro de 2025















(1) Este artigo, reducido e adaptado ao formato de opinión do periódico, foi publicado por La Voz de Galicia na súa edición de Vigo o día  21/09/2025.

No hay comentarios.: